LERIANDO COA POESÍA
Hoxe, 22 de febreiro tivemos a oportunidade de escoitar un recital
poético a cargo de dúas recoñecidas poetisas galegas: Lucía Aldao
e María Lado. Comezaron o recital facendo un eloxio da palabra e
referíndose a unha cita de Oscar Wilde. Os poemas cos que nos
agasallaron eran da súa propia colleita, non en balde son poetas
dende moi novas, comezaron a escribir na escola. As aulas de
matemáticas eran para María Lado o peor dos pesadelos e durante
esas horas escribiu o seu primeiro poemario, premiado nun certame.
Lucía decatouse de que o seu era a escrita cando en sexto de EXB
unha profesora a animara a escribir un texto en prosa para un
certame. A escola foi para elas, dunha maneira ou doutra, o punto de
partida para a escrita.
Achegar a poesía aos máis novos é o seu principal obxectivo e
facelo dunha maneira lúdica e vangardista é a opción elixida para que lle perdamos o medo a este xénero literario.
A escrita vangardista, apropiarse da poesía das portas dos baños
ou dos muros das cidades son técnicas que as nosas poetisas
aproveitaron e coas que conseguiron engancharnos.
Unha actividade moi especial con dúas poetisas moi especiais para
conmemorar o 24 de febreiro: DÍA DE ROSALÍA.
Ningún comentario:
Publicar un comentario