15/05/16

INTERCAMBIO A GUDIÑA - VIGO

Durante dous días o alumnado de 3º de ESO B foi coñecer ao alumnado do CPI Laureano Prieto de A Gudiña. Durante todo o curso foron coñecéndose a través de cartas e xa durante o mes de abril o contacto foi vía skype. Os días 10 e 11 de maio puideron coñecerse en persoa e visitar A Gudiña, Verín e Chaves. O primeiro día participaron nunha mesa redonda “O galego traspasando fronteiras” con X. Carlos Caneiro, José Rodríguez Cruz e Felipe Lubián e asistiron á proxección dunha curtametraxe Coser e cantar. Pola tarde, visitaron a morena glaciar de Chaguazoso en Vilariño de Conso, que está a uns 1300 m. de altitude. O último día visitaron o antigo balneario de Cabreiroá, en Verín, e a actual planta embotelladora, incluso puideron probar as augas do emblemático manancial; subiron ao espectacular castelo de Monterrei, hoxe convertido en parador. Antes de emprender a viaxe de volta a Vigo visitaron a vila Chaves, en Portugal. Moitas grazas a todos o profesorado do CPI Laureano Prieto por tan boa acollida. Agora tócanos a nós, os próximos días 24 e 25 de maio, darlles a coñecer a nosa zona. Visitarán: o centro de Vigo, realizarán o roteiro pola costa dende A Ramallosa ata Baiona e xa o 25 pasaremos o día nas Illas Cíes.





Ningún comentario:

Publicar un comentario